28 de ago. de 2022

Cousiñas que entendo mellor coa idade

Consoante me fun facendo maior empecei a darme conta de cousas interesantes da vida e, por suposto, do meu propio percurso vital. Aquí están media ducia de aprendizaxes ate esta mediana idade:

1. O proceso de crianza dos fillos é caro, esixente e precisa moreas de tempo. Na práctica, a conciliación familiar e laboral significan que debes ser tan profesional coma se non tiveses fillos, mentres crías fillos coma se non tiveses emprego. Nunca poderemos pagar os sacrificios que os nosos pais fixeron por nós.

2. A familia non se pode elixir, pero podes escoller os teus amigos, socios, camaradas e coñecidos. Non todas estas amizades e relacións durarán para sempre, e está ben que así sexa. A xente que vai e vén tamén cumpre unha función.

3. Se procedes dun fogar normal, non podes xerar un grande impacto xogando seguro. Necesitarás algo máis que traballo duro, terás que quebrar varias regras e amolar a algunhas persoas.

4. Os 40 non son os novos 20. Todos temos un lado escuro, salvaxe, unha especie de impulso de Eros e Thanatos: non hai outra que lidar con esas tebras na mediana idade. Só un mantemento adaptativo garante un bo funcionamento de corpo e espírito.

5. O ser humano non está deseñado para aturar a verdade, senón para a supervivencia. A vida é inxusta e a meritocracia é un mito, pero, paradoxalmente, as cousas adoitan ir mellor facendo como que a vida é xusta e que a meritocracia existe. Queres ser feliz ou queres a verdade? Non se pode ter as dúas cousas.

6. A amabilidade resulta moito máis importante que a intelixencia. Ser espilido fai pouco ou nada para volver o mundo un lugar mellor a menos que a intelixencia estea ao servizo das boas maneiras.

3 de abr. de 2022

A prol do binormativismo no galego

Por que a nosa lingua ten a ortografía que ten? A norma oficial vixente vén da vitoria da estratexia de canonizar un galego interdialectal cunha ortografía sinxela de aprender por unha poboación alfabetizada en castelán. O binormativismo sería unha proposta para establecer dúas normas ortográficas plenamente válidas e complementarias para o galego como acontece co noruegués (quer coma nynorsk, norma interdialectal, quer coma bokmal, norma internacional e próxima ao danés).

Acontece que a actual norma do galego devén un corpiño isolacionista de moi mal por fóra dos confíns da Comunidade Autónoma de Galicia. Por exemplo, morando hai máis de quince anos en Madrid, a miña familia e eu desfrutamos de acceso cotián a produtos rotulados en portugués nos andeis dos supermercados e, en xeral, a un amplo abano de lecer lusófono. Por contra, gozar do exotismo de libros ou clases en galego ILG-RAG na capital de España custa ferro e fariña. Por iso, os meus fillos coidan que as cancións da Galinha Pindadinha son tan galegas coma as dos Bolechas (ou debería dicir Os Galletas?). E acontece tamén que o presente e mailo futuro dos idiomas castelán, francés ou portugués reside esencialmente fóra de Europa aínda que proa asumilo en moitos europeos. O galego, fillo pródigo, ben podería escoller achegarse á súa familia lingüística presente en todos os continentes: Europa, América, África (Mozambique, Angola, Cabo Verde, San Tomé e Príncipe, Guinea-Bissau e Guinea Ecuatorial), Asia (Macau e Goa) e Oceanía (Timor-Leste). Teño a impresión de que, ou o galego se proxecta internacionalmente, tendo en conta as súas innúmeras coincidencias co portugués, ou poderá acabar sendo, dadas as circunstancias, unha pequena lingua funcionarial, subalterna e esmorecente.
  
Dado que, por un lado, non hai unha nidia vontade institucional de aproximación ao portugués e, por outro, existe certa controversia entre os mesmos reintegratas sobre o grao de converxencia co português e o grao de fidelidade na representación de trazos enxebres, semella razoable unha convivencia harmónica entre a normativa actual e o padrón do novo acordo da lingua portuguesa. A primera podería manterse coma regra oficial doméstica do galego e a segunda, sen mudar unha vírgula, podería virar o estándar escrito dunha lingua galega para usármola, con todo o seu valor engadido, no resto de eidos.

31 de mar. de 2022

O bo gosto na construción

O termo feísmo caracteriza un conxunto máis ou menos uniforme de usos e solucións construtivas desde os anos sesenta en Galicia. Agora ben, resulta difícil aceptar que o eido de aplicación do termo remate xusto na fronteira con Asturias, León ou Portugal. Fenómenos similares poden acharse con facilidade en case calquera espazo rururbano do mundo. Con todo, é indubidable que estas laidas manifestacións aconteceron máis en Galicia que no resto da Península. Determinados elementos presentes nas manifestacións do feísmo galego permiten sinalar unhas constantes máis ou menos de noso: coexistencia non harmónica de estilos e materiais, falla de acabados exteriores, pobre aliñación horizontal e vertical nas edificacións e unha ornamentación alóctona e esaxerada. 

 Ao final está a perda do orgullo do propietario da casa e do construtor por facer as cousas ben. De feito, case todos os expertos están de acordo en que as causas deste fenómeno non deben procurarse na pobreza económica senón nunha perigosa mestura de renda dispoñible con ausencia de coñecemento sobre construción. Os ciclos migratorios fixeron que os que sabían de oficios os foran exercer fóra mentres que os emigrantes enriquecidos retornados introducían aquén volumes exóticos e ostentosos a carón das edificacións tradicionais abandonadas. Axiña o modelo e o mal gosto foron imitados até virar omnipresentes. 

Para amañar isto cómpre, sobre todo, máis educación que normas coercitivas e subvencións. Por exemplo, en Portugal, con moitas menos regras e cartos os resultados son mellores.
Foto: Vivenda unifamiliar belga fotografada, Hannes Coudenys, c. 2015. 

13 de feb. de 2022

O escritor pantasma

Non é ningunha novidade que moitos libros véndense segundo a sona da persoas que se supón que os escribiron. Con frecuencia o famoso non ten tempo ou vontade de porse perante o teclado. Para resolver estes problemas resulta moito máis habitual do que se cre o feito de pagar a un ou varios escritores anónimos que saben documentarse e teñen o oficio da escrita para producir eses documentos por unha cantidade razoable de diñeiro. O escritor invisible carece de marca pero ten a habelencia precisa para escribir con xeito e por voz a persoeiros, dando un produto aceptable.
Como se pode sospeitar, moitos clientes de escritores pantasma son políticos, deportistas, músicos e homes de negocios, pero, ollo, tamén existen egrexios intelectuais carentes de tempo que son obrigados polas editoriais a escribir artigos de opinión a eito, facer presentacións ou dar discursos floridos en todo tipo de requintados eventos. De feito, houbo escritores ben afamados que estableceron auténticas factorías de relatos para satisfacer a demanda, escritores que non dubidaron en utilizar outros escritores a modo de franquía literaria. Alexandre Dumas tivo ata 63 escritores na súa factoría de relatos producindo así a triloxía dos tres mosqueteiros ou o conde de Montecristo. Tampouco debemos alporizarnos, na actualidade, onde calquera comunicación empresarial ou política, calquera serie de televisión ou calquera youtuber ten detrás un equipo agochado que se documenta e marca o argumentario. E isto seino, porque no seu momento eu tamén servín de man negra dos que podían pagar os meus servizos de xuntar letras.