31 de mar. de 2022

O bo gosto na construción

O termo feísmo caracteriza un conxunto máis ou menos uniforme de usos e solucións construtivas desde os anos sesenta en Galicia. Agora ben, resulta difícil aceptar que o eido de aplicación do termo remate xusto na fronteira con Asturias, León ou Portugal. Fenómenos similares poden acharse con facilidade en case calquera espazo rururbano do mundo. Con todo, é indubidable que estas laidas manifestacións aconteceron máis en Galicia que no resto da Península. Determinados elementos presentes nas manifestacións do feísmo galego permiten sinalar unhas constantes máis ou menos de noso: coexistencia non harmónica de estilos e materiais, falla de acabados exteriores, pobre aliñación horizontal e vertical nas edificacións e unha ornamentación alóctona e esaxerada. 

 Ao final está a perda do orgullo do propietario da casa e do construtor por facer as cousas ben. De feito, case todos os expertos están de acordo en que as causas deste fenómeno non deben procurarse na pobreza económica senón nunha perigosa mestura de renda dispoñible con ausencia de coñecemento sobre construción. Os ciclos migratorios fixeron que os que sabían de oficios os foran exercer fóra mentres que os emigrantes enriquecidos retornados introducían aquén volumes exóticos e ostentosos a carón das edificacións tradicionais abandonadas. Axiña o modelo e o mal gosto foron imitados até virar omnipresentes. 

Para amañar isto cómpre, sobre todo, máis educación que normas coercitivas e subvencións. Por exemplo, en Portugal, con moitas menos regras e cartos os resultados son mellores.
Foto: Vivenda unifamiliar belga fotografada, Hannes Coudenys, c. 2015.