3 de abr. de 2022
A prol do binormativismo no galego
Por que a nosa lingua ten a ortografía que ten? A norma oficial vixente vén da vitoria da estratexia de canonizar un galego interdialectal cunha ortografía sinxela de aprender por unha poboación alfabetizada en castelán. O binormativismo sería unha proposta para establecer dúas normas ortográficas plenamente válidas e complementarias para o galego como acontece co noruegués (quer coma nynorsk, norma interdialectal, quer coma bokmal, norma internacional e próxima ao danés).
Acontece que a actual norma do galego devén un corpiño isolacionista de moi mal por fóra dos confíns da Comunidade Autónoma de Galicia. Por exemplo, morando hai máis de quince anos en Madrid, a miña familia e eu desfrutamos de acceso cotián a produtos rotulados en portugués nos andeis dos supermercados e, en xeral, a un amplo abano de lecer lusófono. Por contra, gozar do exotismo de libros ou clases en galego ILG-RAG na capital de España custa ferro e fariña. Por iso, os meus fillos coidan que as cancións da Galinha Pindadinha son tan galegas coma as dos Bolechas (ou debería dicir Os Galletas?). E acontece tamén que o presente e mailo futuro dos idiomas castelán, francés ou portugués reside esencialmente fóra de Europa aínda que proa asumilo en moitos europeos. O galego, fillo pródigo, ben podería escoller achegarse á súa familia lingüística presente en todos os continentes: Europa, América, África (Mozambique, Angola, Cabo Verde, San Tomé e Príncipe, Guinea-Bissau e Guinea Ecuatorial), Asia (Macau e Goa) e Oceanía (Timor-Leste). Teño a impresión de que, ou o galego se proxecta internacionalmente, tendo en conta as súas innúmeras coincidencias co portugués, ou poderá acabar sendo, dadas as circunstancias, unha pequena lingua funcionarial, subalterna e esmorecente.
Dado que, por un lado, non hai unha nidia vontade institucional de aproximación ao portugués e, por outro, existe certa controversia entre os mesmos reintegratas sobre o grao de converxencia co português e o grao de fidelidade na representación de trazos enxebres, semella razoable unha convivencia harmónica entre a normativa actual e o padrón do novo acordo da lingua portuguesa. A primera podería manterse coma regra oficial doméstica do galego e a segunda, sen mudar unha vírgula, podería virar o estándar escrito dunha lingua galega para usármola, con todo o seu valor engadido, no resto de eidos.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)