Houbo un tempo, un tempo afastado, no que tiñas toda a vida por diante. Estabas no inicio daquel camiño abraiante polo que se despregaba unha interminable alfombra de veludo vermello que te invitaba a avanzar ate mañá. Daquela, crías firmemente que podías comer o mundo, papalo a trabadas. Os brazos da túa nai eran portos seguros onde arribar para abeirar das tempestades, para zugar esa sensación de seguridade e benestar que che fornecían. Daquela, as apertas maternais e os confíns da casa familiar eran todo o teu horizonte, mentres os soños de grandeza nacían no teu maxín. Visualizabas todo o que ías conseguir.
Comezas o teu paseo pola alfombra de veludo vermello con afouteza, ollando exultante ao teu redor e todo te anima a continuar; o sol, benévolo, brilla para ti; as follas da vexetación que ao seu paso forman un exuberante túnel reverberan con todos os matices de verde. Segues a avanzar e o túnel comeza a curvarse. O ton vermello da alfombra de veludo vira cada vez máis esvaecido; a vexetación está amarelenta e cada vez máis raquítica e escasa; o sol agóchase de forma intermitente e o seu brillo mingua. E, nun momento que non podes fixar, o camiño converteuse nunha sinuosa pasaxe, escura coma os corredores do averno.
Pero continúas adiante. Acostúmaste ao complexo labirinto, a marchar na escuridade sen saber onde vas. Os teus soños de grandeza van esvaecendo lentamente detrás dunha cortina bretemosa. O labirinto agocha trampas e nada é de balde. Aos intres, dá esa sensación de falso optimismo, de esperanzas ficticias e de euforia patética. O labirinto gratifica con substitutos adulterados dos soños que che promete conceder a cambio da prostitución da túa alma. E ti, que aínda cres que poida haber un mañá mellor, prostitúeste por calquera cousa que se asemelle á lembranza do soño imposible. Onde fica agora no estraño labirinto lúgubre a meta que unha vez percibiches con claridade meridiana?
O labirinto péchase en ti, mergullándote na máis profunda escuridade. O teu paso xa non é valente nin desafiante, os teus ollos xa non brillan e a túa mente está alienada. Andas por pura inercia, un cadáver andante listo para derrubarse en calquera momento. A escuridade total envólvete como un pesadelo do que sabes que xamais espertarás. Non hai máis percorrido na alfombra de veludo desgastado, non hai máis frondosas follas caídas nas beiras do carreiro, non hai máis sol para brillar sobre ti. O labirinto é traizoeiro e xa hai tempo que non podías recoñecer aqueles soños afastados. Desapareceron. Desapareciches no eixe da escuridade. Os teus soños perdéronse e perdéronte.