11 de xul. de 2009

Nucleares e dúbidas razoábeis

Entre a crise e o quecemento global a solución nuclear voltou novamente ao debate enerxético. A enerxía nuclear nunca estivo obsoleta, de feito Francia conta cunhas sesenta centrais, Reino Unido ou Alemaña están a pensar en prolongar a vida das que teñen ou mesmo abrir novos complexos de cuarta xeración e China inaugurará varias novas centrais antes dun lustro. Apresento as miñas dúbidas razoábeis para un debate serio e non mediatizado por lobbies, asociacións desinformadas e partidos políticos.

Dúbida razoábel nº1: Residuos. A solución actual de tratamento de residuos nucleares dista moitísimo de ser sostible porque básicamente consiste en illar e soterrar restos. Isto marca claras diferenzas entre produtores (países ricos ou en desenvolvimento) que pasan as externalidades aos os sofredores dos cemiterios (xeralmente países de renda moi modesta). De feito ningunha empresa ou grupo privado de seguros foi quen de avalar cunha póliza de seguros os hipotéticos estragos dunha central nuclear e dos seus residuos.

Dúbida razoábel nº 2: As nucleares non resolverán o efecto invernadoiro. Unha planta nuclear non se constroe e pon a ponto en menos dunha década e farían falta miles de centrais nucleares de nova construcción no mundo fronte ás 350 actuais para sustituir plenamente ás centrais térmicas. Cos limitados recursos financeiros de hoxe isto levaríanos máis dun século cun abultado défice e deberíamos prescindir dós incentivos ao aforro enerxético e para daquela sería moi tarde. Os orzamentos son limitados e deberían ir inmediatamente a mans do aforro e eficiencia enerxética. Aconsello a lectura de Donella Meadows, investigadora ambiental do MIT, ao respeito.

Dúbida razoábel nº 3: Respaldo social. Por moi negativas e impactantes que resultan as centrais térmicas se aínda non foron susbtituidas na España por nucleares é polo moi negativo precedente de Lemonitz, con secuestro e sanguenta morte do enxeñeiro xefe do proxecto a mans dos terroristas, e cuxa factura de peche aínda pagamos nas nosas facturas como "impuesto especial sobre la luz". De feito este exemplo amosa que non só é caro facer unha planta nuclear, pechala tamén o é.

Dúbida razoábel nº 4: Conflitos diplomáticos. Hai un obvio risco de conflito político con Portugal, que non ten centrais nucleares nin as desexa, e, sobre todo, de dar pésimo exemplo a países ávidos dunha fonte rápida de enerxía nacional que non contan con cadros de profesionais ben formados, co nível de esixencia e transparencia tecnolóxica axeitados e, por que non dicilo, co nível de confianza internacional como para posuír plutonio e uranio.

Finalmente, o cidadán medio non debe safarse de coñecer ben as consecuencias de ir eliminando progresivamente centrais nucleares para un debate verdadeiramente informado. As centrais nucleares, por cuestións de axuste da producción eléctrica, nunca son o concorrente das eólicas e solares, que teñen produccións intermitentes, como se ben malinformando a cótío, senón das térmicas (carbón, petróleo, gas e ciclo combinado). Ter menos centrais nucleares significa ter un prezo da electricidade mais alto do que, por exemplo, na Francia; uns produtos e servizos mais caros debido ao maior custo de producción e transformación; problemas de chuvias ácidas derivados do uso masivo de combustibles para enerxía; marxes de emisión de CO2 para as pequenas industrias máis pequenos que os nosos veciños, etc...

1 comentario:

  1. God bless GoogleReader, agora que vou tendo tempo libre, podo recuperar algunha lectura atrasada, entre elas este post do cal quero aplaudir sobre todo os puntos 2º e 4º, que se soen «esquecer» con demasiada frecuencia nos medios.

    ResponderEliminar